Friday 26 de April de 2024

A Xunta e o concello de Aranga investirán máis de 123.000 euros no acondicionamento do núcleo de Montesalgueiro


A actuación enmárcase no plan Hurbe, impulsado hai máis de 10 anos para apoiar ás entidades locais en proxectos que permitan mellorar as condicións e a calidade de vida da veciñanza, e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 M€

A Xunta de Galicia e o Concello de Aranga colaborarán na creación dunha zona de tránsito para peóns co obxectivo de mellorar o núcleo de Montesalgueiro. A obra disporá dun investimento total de máis de 123.000 euros que serán executados en dúas anualidades (2022-2023).

O acordo polo que se establecen os termos económicos e técnicos da súa colaboración foi subscrito esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Aranga, Alberto Platas.

A través do convenio de colaboración asinado, acometerase unha actuación urbanística para crear beirarrúas e, nun senso máis amplo, facer máis accesible a zona de Montesalgueiro. A construción será financiada conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% (86.175,74 €) e do 30% (36.932,46€) por parte do Goberno local.

Os traballos comezarán co acondicionamento dun treito paralelo á estrada Nacional VI, unha área con naves e dous establecementos hostaleiros situados dentro do solo rústico de protección de infraestruturas.

Estas tarefas de reforma levaranse a cabo ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.

Cómpre lembrar que este plan reflicte o compromiso da Xunta á hora de ofrecer o seu apoio ás entidades locais e promover actuacións que, na liña do acondicionamento previsto para Aranga, contribúen a dinamizar as vilas galegas por medio da mellora dos seus equipamentos e servizos públicos.